En anteriores entradas (1 e 2) enumeráronse certas claves do éxito método GTD. Seguindo con estas, convén comentar un dato máis: a fluencia, ou estado de fluxo.
O estado de fluxo foi descrito polo psicólogo de orixe húngaro Mihály Csízszentmihály. Explicado con moita brevidade (deixamos para outras ocasións unha descrición máis pormenorizada), trátase dese estado no que nos mergullamos cando conseguimos concentrarnos dun xeito tan pleno naquilo que realizamos que a actividade “flúe” con facilidade e sen esforzo. É dicir, que “esqueces que fas e simplemente fas”, como se te fundises coa actividade. Ademais do nivel de logro que axuda a acadar (mesmo os deportistas acadan as súas mellores marcas cando flúen ou, para empregar as súas palabras, cando conseguen “estar na zona”), a fluencia ten a vantaxe de que, en vez de cansazo, reporta benestar e a sensación de que o tempo pasou voando, case sen te decatar, o que mingua a sensación de fatiga.
Outro dato importante que nos achega Csízszentmihály é que non hai que agardar a que a fluencia xurda de xeito espontáneo, senón que podemos favorecela se fomentamos as que son as súas condición sine qua non. Entre outros factores, para que unha actividade produza fluencia precísase o seguinte:
- Metas claras (finalidade ben definida de aquilo que se está a facer).
- Retroalimentación franca e inmediata (é dicir, algún xeito de constatación do avance, de mellora ou de progreso).
- Concentración (estar unicamente ao que se está).
- Equilibrio entre reto e capacidade (é dicir, que a dificultade do que se emprende sexa proporcional ao dominio da materia do que se dispón, de xeito que afrontar ese reto esixa unha implicación plena, pero sen requirir máis do que se pode coa capacidade ou os recursos actuais).
Debido á súa estrutura, o método GTD favorece estas catro variables fundamentais. A estruturación da actividade en proxectos define os resultados a acadar (metas claras); as listaxes de tarefas sobre as que se riscan as actividades efectuadas aportan a retroalimentación que se precisa, achegando sensación de avance e, tal como se comentou en anteriores entradas (o efecto Zeigarnik e a consecución de enfoque), tamén facilitan a concentración “nunha soa cousa”. Por último, o equilibro entre reto e capacidade é unha variable que se pode xestionar grazas á redacción das accións a anotar nas listaxes de tarefas, que nos permiten dimensionar os pasos a dar. Isto implica que, por grande que sexa o proxecto emprendido, só temos que definir ao respecto unha próxima acción, que constitúa para o interesado un paso asumible que o achegue ao obxectivo final.
Esta relación entre o estado de fluxo e método GTD foi destacado, entre outros, polos estudos da Universidade Libre de Bruxelas. Velaí pois outra das súas claves: o feito de que facilita a fluencia.