Nunha anterior entrada falouse da importancia das interrupcións e as distraccións, e despois tratáronse especificamente as interrupcións, facendo a diferenciación (un tanto subxectiva, en realidade) de que estas se deben a intervención doutras persoas, mentres que as distraccións son perdas de atención por causas propias, intrínsecas, sen que ninguén alleo a un mesmo as provoque.
Dando por boa esta distinción, nesta entrada centrarémonos nas estratexias que cabe definir contra as distraccións, isto é, aquelas perdas de atención motivadas por un mesmo. Estas son algunhas das opcións:
Artellar mecanismos para ser consciente de cando e canto nos distraemos
Tomar conciencia da dimensión do problema sempre é un bo xeito de comezar. Unha das dificultades da xestión das distraccións é que, acotío, non resulta doado saber cantas veces nos distraemos ou canto tempo permanecemos nese estado. Un caso típico: entramos en internet para procurar unha determinada información (sentindo que será só cousa de dous minutos), pero esta info lévanos a outra e esta última a outra máis. Ao final, o par de minutos iniciais convertéronse en media hora. Ou máis. Unha maneira de saber canto tempo se perde deste xeito é, por exemplo, levar un rexistro de tempos, que pode facerse cunha sinxela folla de cálculo -anotando horas de inicio e de finalización con cada cambio de tarefa-, cun programa específico para controlar tempos (Toggl pode ser un bo exemplo) ou mesmo con programas como o Rescue Time, que, unha vez o instalado, xera informes semanais de xeito automático sobre o uso que se fai do ordenador. Este control metódico dos tempos poida que non sexa necesario de maneira continuada, pero sen dúbida si servirá para facernos conscientes de canto, con que ou en que momentos nos distraemos, o que nos dará unha boa base para comezar a mellorar nese rexistro.
Adquirir o hábito de traballar cunha ferramenta de recompilación a man
Trátase dun hábito que xa se recomendou para a xestión das interrupcións (no marco do método GTD, implicaría a adquisición do hábito de “recompilar/capturar”), pero tamén nos pode servir para as distraccións. A idea consiste en dispor sempre dun soporte (lapis e papel, un caderno electrónico, unha aplicación móbil…) no que ir tomando nota daquelas cuestións que, mentres facemos outra, asaltan a nosa cabeza. A idea é simplemente adiar o intre no que se lles vai prestar atención. Posteriormente, cando se procese esa “bandexa de entrada”, decidirase que facer ao respecto. A clave é centrarse nunha única cousa, pois, se algo non lle senta ben a nosa mente, é precisamente a multitarefa e o continuo cambio de foco de atención.
Establecer elementos barreira ante as fontes de distraccións
Non sempre resulta doado controlar a tendencia a distraerse. Algunhas persoas consideran que este tipo de medidas resultan excesivas, que a clave está en desenvolver o autocontrol necesario para saber conter as distraccións sen necesidade de tomar medidas a maiores; porén, isto non resulta igual de factible para todo o mundo. Como moi ben explica o especialista en procrastinación Piers Steel, o talón de Aquiles do procrastinador é precisamente a súa impulsividade: a dificultade para non responder a determinados estímulos ou tentacións, como pode ser deixar a tarefa prioritaria nese intre (rematar o traballo final de grado, ese informe de vendas, esa novela…) para entregarse a calquera outra máis pracenteira, menos dificultosa, ou que produce unha gratificación máis inmediata. Esta mesma dificultade, asemade, tamén é reportada habitualmente polos psicólogos especializados nas chamadas “persoas PAS”, ou “de alta sensibilidade”, que tamén amosan unha moi acusada tendencia a distraerse se non se protexen activa e contundentemente dos focos de distraccións. Esta pode ser a razón pola que moitas das grandes mentes creativas foron tan propensas a tomar medidas extremas para manterse concentrados. Raymon Chandler adoitaba dicir que o truco para escribir moito podía resumirse en pórse a un mesmo nunha conxuntura na que só se dispón de dúas opcións: escribir ou non facer nada. Para isto, dispuña dun despacho no que só tiña mesa, cadeira, máquina de escribir e papel en branco. Da mesma idea debía ser Herman Meville, quen adoitaba pedirlle a súa parella que, literalmente, o encadease ao seu escritorio (no que só tiña pluma e papel) e non o ceibase até certo número de horas despois. Máis hilarante resulta o método empregado por Víctor Hugo, quen, despois de sentar no seu escritorio, espíase e pedíalle a alguén que levase a súa roupa e só lla devolvese pasadas determinadas horas; deste xeito, calquera alternativa ocupacional a escribir quedaba descartada porque implicaba saír ao exterior en calzóns. Estes dous últimos exemplos dan boa fe do difícil que pode chegar a ser vencer a tentación de distraerse e as medidas extremas que se poden chegar a tomar para evitalo.
Sen chegar aos extremos indicados, estas poden ser algunhas maneiras alternativas de erguer barreiras contra as distraccións:
- Bloquear o acceso a internet. O consello consiste en ir máis aló do simple feito de proporse permanecer desconectado: trátase de impedir que a conexión sexa posible. Os xeitos son múltiples, dende ir traballar nun lugar no que non haxa acceso a internet, até apagar o router, ou empregar algún dos programas e aplicacións que bloquean o acceso a internet durante determinados períodos de tempo (os programas e aplicacións Freedom e Cold Turquey poden ser dous bos exemplos).
- Traballar nunha contorna con baixa presenza de distraccións potenciais. Se un precisa deixar de comer doces por cuestións de saúde, non lle parecería boa idea pasar o día nunha pastelería. Do mesmo xeito, se un non quere distraerse, tampouco convén ficar nun lugar onde está moi accesible aquilo co que adoita facelo. Se un ten que estudar pero o distrae a TV, mellor facelo nunha biblioteca. Se alí o problema pode ser o móbil, mellor apagalo ou mesmo ir sen el. Se a túa tentación irresistible son os xogos de ordenador, mellor desinstalalos, ou telos nun ordenador diferente dese que empregas para traballar. Algúns escritores contemporáneos confirman que, para escribir, empregan un ordenador específico, adaptado para que non poida conectarse á rede e no que só teñen instalado o procesador de textos. As opcións son múltiples, pero a idea é sempre a mesma: que vencer as distraccións non dependa só da forza de vontade, senón que haxa algunha barreira a maiores contribuíndo.
En resumo
En vindeiras entradas seguirase falando sobre como controlar as distraccións para manter mellor a concentración. En resumo do exposto neste artigo, estas son algunhas das medidas que se poden adoptar para evitar distraerse:
- Facerse consciente de como se usa o tempo. Precísase consciencia de canto, cando e con que un se distrae para poder actuar en consecuencia. Por iso resulta conveniente, cando menos de xeito temporal, levar un control de como empregamos o tempo.
- Traballar cunha “bandexa de entrada” a man. Trátase de recompilar aquelas cuestións que interfiren na nosa concentración para, posteriormente, atendelas como cómpre, evitando quedar rumiándoas.
- Establecer elementos barreira ante as fontes de distraccións. A clave é que vencer a tentación de distraerse -coa TV, internet, o móbil ou o que for- non dependa só do esforzo consciente, senón que haxa algo que o impida. É dicir: convén pórse a un mesmo fácil a vitoria.
Imaxe “distractions” cortesía de: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Distractions.jpg