Outra das claves do método GTD deriva do chamado Efecto Zeigarnik. Explicamos antes de máis nada en que consiste:
O Efecto Zeigarnik debe o seu nome a Bluma Zeigarnik, a psicóloga rusa que o describiu a principios do século XX. A súa descuberta debeuse a unha observación casual: Bluma detectou que, nas terrazas ás que adoitaba acudir, os camareiros tiñan unha sorprendente capacidade para reteren as comandas que lles acaban de ditar; porén, unha vez servidas, esquecíanas e, cando tentaba pagarlles, había que repetirlles as comandas consumidas. Esta diverxencia na memorización daquilo que estaba “pendente de atender” e do que, en troques, “xa fora atendido”, foi o que suscitou a súa investigación.
Despois dunha serie de ensaios, Bluma detallou a clave do fenómeno que observara, o que hogano se coñece como Efecto Zeigarnik: as tarefas pendentes de resolver xeran na mente unha ansiedade que só se mitiga cando se lles deu unha resposta satisfactoria. Para unha autoxestión organizada e produtiva isto ten diversas implicacións, pero agora centrarémonos só nunha: a necesidade recompilar e procesar axeitadamente todo o que temos en mente e respecto ao cal sentimos que temos algo pendente de efectuar. De non facelo así, e aínda que nós non queiramos, estes asuntos pendentes xerarán na mente unha ansiedade que interferirá con aquilo que temos entre mans “aquí e agora” (é dicir, que perderemos enfoque: capacidade de “estar ao que estamos”). O método GTD (ademais doutras técnicas de produtividade persoal baseadas en listaxes de tarefas organizadas) ten a virtude de mitigar esa ansiedade, pois indica como recompilar, organizar e planificar de modo axeitado calquera asunto por atender para introducilo nunha estrutura lóxica, doada de empregar e fiable.
En resumo do exposto, o método GTD é efectivo porque, entre outras razóns, permite descargar a nosa mente de multitude de recordatorios que, se non se xestionan nunha memoria externa, xeran estrés e dificultades de concentración. Por iso xa Albert Einstein deixou dito no seu día que “é absurdo levar na cabeza o que se pode levar nun peto”.