Aclarada nunha entrada anterior a importancia da atención no eido da autoxestión persoal, cabe agora subliñar en que consiste a concentración e o enfoque, outras dúas nocións de suma relevancia en produtividade persoal.
Se a atención consiste, de xeito sucinto, en fixarse en algo, a concentración implica facelo de xeito sostido e ininterrompido ao longo dun determinado período de tempo. Convén subliñar que non se trata dun proceso inmediato: hai diversidade de datos ao respecto que ofrecen lixeiras variacións, pero adoitan resumirse estes na estimación de que á mente lle leva da orde de entre dez e quince minutos concentrarse. Amais diso, existen multitude de evidencias que subliñan que, en estado de concentración, a mente alcanza as súas máis altas cotas de efectividade, calidade, creatividade e rendemento. Velaí que resulte tan importante fomentala e tamén protexela unha vez se acadou, pois, en caso de perdela (un risco derivado das interrupcións e as distraccións), non se poderá recuperar até cando menos dez-quince minutos despois.
O enfoque, da súa banda, é como adoita chamarse á concentración en materia de produtividade persoal, presupoñendo que este se consegue cando se lle dedica toda a atención á realización dunha actividade concreta, acoutada, nun estado de implicación e compromiso coa mesma.
Convén resaltar tamén que enfocarse implica acotío a fixación de límites. Cando se pretende abarcar algo grande de máis ou cando se atende a demasiadas cousas ao tempo, o resultado é un estado xeral de dispersión. O enfoque consiste no contrario: centrarse nunha actividade concreta e esquecer (momentaneamente) do demais. Cando menos até que toque mudar de terzo ou se precise un descanso.
En resumo do exposto, subliñar que non é o tempo o que cómpre aprender a xestionar, senón a atención. Cando máis plena sexa esta cara a unha actividade delimitada, maior será o noso enfoque e tamén a nosa produtividade persoal.