Da “xestión do tempo” á “autoxestión”

Asuntos como a produtividade persoal ou a efectividade, vertebradores deste blog, son en realidade conceptos e termos relativamente recentes. Non hai tantos anos que, para referirse a cuestións desta natureza, adoitaba empregarse a expresión “xestión do tempo”. Hogano, non obstante, ese punto de vista considérase obsoleto. En realidade, e aínda que o seu estudo aportou nocións válidas e de indubidable interese, nunca foi o seu un enfoque demasiado atinado. Tal visión incluía un erro de base: a imposibilidade de xestionar o tempo. Trátase de algo que ninguén pode facer por mor do peso das leis da física; ao sumo, cabe xestionarse a un mesmo con respecto a el. Por iso na actualidade se fala de autoxestión. E dentro desta, a atención é o recurso clave.

Mihaly Csikszentmihalyi, o psicólogo introdutor do concepto “estado de fluxo”, é quen máis está a destacar na actualidade a importancia da correcta xestión da atención, salientando como sobre esta se constrúe a propia personalidade. Deste xeito, no seu libro Fluír afírmase:

«Os nomes que empregamos para describir trazos da personalidade –como extravertido, triunfador ou paranoico– refírense aos esquemas que empregaron esas persoas para estruturar a súa atención. Na mesma festa, o extravertido vai procurar e gozar da interacción cos demais, o triunfador vai buscar contactos que lle serán útiles para facer negocios e o paranoico estará en garda buscando signos de perigo que debe evitar. A atención pode empregarse de innumerables xeitos, e estes xeitos poden conseguir que se goce da vida ou se sufra».

Entre outras cuestións, do exposto pode inferirse que a atención é en realidade aquilo que si cabe xestionar, o recurso que determinará se somos ou non produtivos e efectivos, en base a se atinamos a prestarlla a aquilo que cómpre cando é preciso e durante o tempo que se requira. É dicir, que se trata de pura autoxestión.

Deixa unha resposta