David Allen, o creador do método GTD, foi tamén o primeiro en difundir a idea de que a produtividade persoal precisa dun equilibro equilibrio entre dúas variables: control e perspectiva. Facendo un símil coa condución, o control sería a capacidade de conducir o vehículo, o dominio do conxunto de habilidades que te permiten manexalo e telo “baixo control”, mentres que a perspectiva sería saber onde te dirixes, a ruta a seguir para chegar a ese lugar e o sentido mesmo da viaxe, as motivacións que suscitan.
A primeira das variables (control) chámaselle en ocasións organización; á segunda (perspectiva), visión ou plan a x anos vista. Pero, empreguemos para referirnos a elas uns ou outros termos, ambas as dúas dimensións resultan determinantes para o que nos ocupa.
Sexa cal for a dedicación ou o sector ao que pertenza o interesado, será este dúo de variables o que delimitará a súa capacidade de avance. Ou o que é o mesmo: determinarán a súa produtividade persoal e efectividade. Vexamos os motivos:

- Cando se carece tanto de control como de perspectiva, téndese a vivir mergullado nun naufraxio diario, un caos no que son as circunstancias as que mandan e un limítase a reaccionar, como boamente pode, ante estas.
- Con perspectiva pero sen control, formúlanse plans e téñense visións que despois, ao carecer de habilidades e as ferramentas necesarias para dominar os quefaceres do día a día, non se é quen de materializar. Deste xeito, os plans concibidos (escribir un libro, un guión de cine, converterse en freelance…) tenden, como os propósitos de finais de ano, a converterse en papel mollado.
- O control sen perspectiva, da súa banda, convértete nun as da burocracia: domínase moi ben a ferramenta, pero non se sabe demasiado ben para qué empregala, como se o medio fose máis importante que o fin para o cal se concibiu. Sería como dedicar máis tempo a manter o microscopio a punto que a pensar qué paga a pena observar con el.
- Dispoñer tanto de control como de perspectiva, polo contra, é o que nos conduce a unha autoxestión equilibrada, a situación na que a efectividade (a capacidade de atinar a facer o que cómpre) resulta moito máis probable e na que a produtividade persoal tende a ir a máis.
En vindeiros artigos trataranse as diferentes estratexias, métodos e maneiras de acadar e mellorar o nivel tanto de control como de perspectiva.
Entradas relacionadas:
GTD Básico. Hábitos e listaxes para conseguir “control” con GTD
GTD Básico. Horizontes de enfoque para a consecución de “perspectiva”