A multitarefa (tamén coñecida polo termo anglosaxón multitasking) consiste no intento de facer e atender varias cousas á vez. A crenza que suscita tal tentativa resulta evidente: se se fan varias cousas ao mesmo tempo, por lóxica resolveranse máis actividades no mesmo lapso temporal. Esa á formulación da que se parte, a presunción na que se basea a praxe. Pero velaquí o problema: trátase dun mito, unha crenza moi común, pero totalmente errada.
Ao igual que os profesores de inglés adoitan definir como false friends esas palabras que se tenden a traducir mal ao galego porque se asemellan moito a unha propia que non é a atinada (constipation, por exemplo, on significa constipado, senón estrinximento), o mesmo cabería dicir da multitarefa: trátase dun falso amigo, unha práctica por enteiro desaconsellable. Vexamos as razóns.
Como xa vimos noutras entradas, a concentración é o principal recurso produtivo. A natureza da conciencia, non obstante, non permite que a atención concentrada se lle dedique a máis dun tema. Só se poden efectuar varias tarefas á vez cando algunha delas non require concentración; por exemplo, podemos pedalear nunha bicicleta estática e, ao tempo, ver unha película, pero iso só é posible porque pedalear non require atención, trátase dun automatismo que a nosa mente sabe executar “co piloto automático”. Pero cando se trata de dúas actividades que si a esixen, a multitarefa non resulta practicable: o que acontece é que a atención alterna entre unha e outra, o que só nos garante unha moi baixa concentración. Ou o que é o mesmo: un traballo de peor calidade, menos creativo, e o que peor, implicando un maior tempo de execución. Todos os estudos efectuados ao respecto conclúen o mesmo: aínda que se pense o contrario, facer dúas cousas á vez fai que rematalas custe de media ao redor dun 40% máis que se se efectuasen sucesivamente, unha despois da outra. A lección a extraer é, pois, clara.
Eses resultados prodúcense por algo do que xa se falou, o feito de que concentrarse non é para a nosa mente un proceso inmediato, senón que lle esixe entre dez e quince minutos conseguilo. É por iso que, cada vez que se salta de tarefa, esta pérdese e logo non se pode recuperar até un bo anaco despois. Se a alternancia é continua, tamén o será polo tanto a dispersión, o que redunda nunha caída en picado da produtividade persoal. A multitarefa non é máis, pois, que un xeito de dilapidar enerxía psíquica, tempo e esforzo. Unha praxe desaconsellable que convén erradicar.
En resumo da entrada, subliñar que a multitarefa, lonxe de proporcionar maior produtividade persoal, só sirve para facer peor e máis lentamente varias tarefas á vez. Para conseguir eficiencia e produtividade persoal, o truco a seguir é xustamente o contrario: facer unha soa cousa cada vez. Convén telo sempre presente.