O cambio de ano adoita ser, entre moitas outras cousas, un tempo de realización de balances: todos/as tendemos a botar a ollada atrás para valorar o ano que remata, e tamén para definir os obxectivos nos gustaría ver realizados na anualidade acabada de comezar. O problema deste conxunto de bos propósitos de ano novo é que, acotío, tenden a esquecerse -ou cando menos a non terse presentes coa intensidade precisa- moi pronto, en ocasións con tanta rapidez que apenas se teñen en mente moito máis aló do mes de xaneiro, de xeito que boa parte deles non se volven retomar até que un novo cambio de ano nos fai repetir o proceso. Se queremos que muden as tornas, cómpre polo tanto facer algo diferente. Como dixo Einstein: “Para obter resultados distintos, non se debe facer sempre o mesmo”. A técnica Agile Results pode constituír neste sentido unha estratexia de grande axuda para materializar este cambio.
Planificando os obxectivos para o novo ano con Agile Results
Esta metodoloxía propón, para comezar, que optemos por unha lista curta de resultados a acadar no novo ano, instándonos a que nos centremos preferentemente en tres. Isto non quere dicir que só se deba dispor dese número de metas, senón que cómpre definir as tres que se consideran máis relevantes, subordinando as restantes ao bo fluír destas. Unha maneira de esluír posíbeis dúbidas ao abordarmos esta escolla consiste en formular a pregunta deste xeito: se soubeses que só vas conseguir tres obxectivos, cales serían os que escollerías? A resposta constituirá o trío de resultados prioritarios.
Por que só tres?
A utilidade de escoller tres resultados principais é que, ao evitar que a nosa atención se disperse en múltiples frontes, tamén se incrementa a posibilidade de acadar os mesmos. As listas de obxectivos longas de máis son unha constante nos “bos propósitos” que se formulan cada comezo de ano, e tamén un dos motivos da escasa eficacia da súa formulación; lanzarse á consecución de, por exemplo, quince obxectivos, induce tal saturación e espalla a atención en tantas direccións que ao final poden resultar contraproducentes, levando en ocasións á non consecución de ningún. Velaí que conveña traballar cunha lista reducida, que enfoque a atención e, como a luz ao pasar por un lente, incremente a súa capacidade.
E, unha vez establecidas estas tres prioridades, convén dar algúns pasos máis.
Definir o avance a realizar este mes
O seguinte paso que cómpre dar é a segmentación deses tres resultados anuais en metas parciais a acadar nun prazo moito máis curto, en concreto a un mes vista. Desta maneira, se a obtención do B2 en lingua alemá, ou escribir unha obra de teatro constituísen dúas metas anuais, habería que definir tamén o punto no que, dende unha óptica realista, cumpriría ter esas metas ao remate do primeiro mes. Obviamente, dependerá do punto no que se teñan eses proxectos na actualidade, pero cabería establecer os resultados mensuais correspondentes do seguinte xeito: ter estudados 4 temas do manual de referencia, ou dispor dun esquema completo da trama e os personaxes da obra.
Definir o avance a realizar esta semana
Unha vez se dispón dos correspondentes logros mensuais a acadar para cada un dos tres resultados anuais, procédese cunha nova segmentación: definir un resultado concreto para esta semana, un avance parcial que se poida ter a punto ao final da semana en curso. Nos exemplos expostos poderían ser, por exemplo: escollido un manual de referencia de lingua alemá e estudado o primeiro tema, ou redactado un primeiro bosquexo da trama da obra de teatro.
Definindo os resultados diarios
Feitas estas segmentacións previas (mensual e semanal), o método recoméndanos adquirir un hábito diario: definir, cada día, antes de comezar a traballar, as tres tarefas máis importantes a resolver ao longo desa xornada.
Cómpre ter presente aquí que tende a resultar moi difícil que todos os días se lles poida dar prioridade as tres metas anuais; levar o coche a pasara a ITV non constitúe un obxectivo que un planifique como prioritario, pero cando xurde esa necesidade, resulta totalmente ineludíbel, así que haberá que proceder, preste ou non. O que hai que ter presente no día a día é que, sempre que resulte posible, se deben introducir nos plans para a xornada algún pequeno paso que nos aproxime a algunha das tres metas semanais e, a súa vez, os avances semanais deben constituír elos que nos acheguen ás mensuais. Desta maneira os resultados definidos para o ano iranse materializando mediante unha sucesión de pequenos avances. Xa o dixo Lao Tse: “Toda viaxe de mil leguas comeza dando un simple paso”.
A utilidade do método Agile Results
A definición de metas moi concretas, materializables en prazos de tempo curtos, é unha das claves desta metodoloxía e, sen dúbida, un dos motivos da súa utilidade. Resulta máis inspirador traballar en algo que podemos deixar rematado hoxe mesmo ou este venres que enfocarnos a doce meses vista, visión que, ao suscitar en nós a sensación de que hai tempo de sobra para pórse, convida a deixar as cousas para outro intre. Ao mesmo tempo, a consecución progresiva de sub-metas (rematar tarefas xera endorfinas) aporta a motivación que se necesita para perseverar, así como unha agradable e estimulante sensación de eficacia.
Dito isto, ademais de deixar a continuación un conxunto de entradas relacionadas con esta metodoloxía, só queda desexarvos a todos/as un feliz ano e moita sorte e tesón na realización das vosas metas.
Entradas relacionadas:
Os tres piares do método Agile Results
Agile Results. Claves produtivas (i)