Os tres piares do método Agile Results

Creada por J.D. Meier e dada a coñecer co seu libro Getting Results the Agile Way (aínda non dispoñible en castelán nin en galego), Agile results é metodoloxía que ten precisamente na súa sinxeleza o seu punto forte. Aínda que extraerlle todo o seu potencial require de certa práctica, comezar a aplicala resulta moi doado. Para isto cómpre implantar os tres piares fundamentais que o estruturan.

Son os seguintes:

1º piar: A regra do tres

De xeito breve, consiste en definir diferentes tríos de resultados a acadar: para o ano, para o mes, para a semana e para o día. A idea é dispor de perspectiva (onde queremos estar no prazo dun ano) e, ao tempo, relacionar dita visión co que toca facer este mes, esta semana e hoxe.

2º piar: “A visión do luns, o resultados diarios e a reflexióndo venres

Este piar achégalle ao usuario un xeito sinxelo e práctico de organizar a semana de traballo. Basease en seguir a seguinte pauta de tres pasos:

A visión do luns. Fíxanse tres resultados para a semana, a acadar como moi tarde o vindeiro venres.

Os resultados diarios. Cada día establécense tres resultados para conseguir ao longo desa xornada.

A reflexión do venres. Consiste en rematar cada semana sometendo esta a revisión para detectar tres cousas que nos están funcionando ben e queremos manter como práctica, e tres nas que precisamos melloras. Respecto a estas últimas, convén formular ideas (cousas a probar) para conseguir ditas melloras.

3º piar: As áreas quentes

Agile Results proponlle ao usuario a análise das que son as súas “áreas quentes”, isto é, aqueles aspectos aos que se lles outorgan unha maior relevancia (non cinguíndose isto ao eido laboral). A idea é que o quefacer diario estea centrado no importante, aquilo máis esencial, reservando tempo para todo o que se considera irrenunciable. Estas “áreas quentes” están vertebradas en tres grandes conxuntos:

Vital. Abrangue as relacións, familia, ocio, etc.

Laboral. Inclúe o traballo e os proxectos de tipo profesional.

Persoal. Refírese aos proxectos persoais.

A idea é tamén, polo tanto, non permitir que o traballo “nos devore a vida”, para o que recomenda elaborar un horario semanal e un calendario no que se lle conceda espazo a todo o que consideramos importante: familia, natureza, lecer cos amig@s, lectura, horas que se van reservar para dedicarlle á escrita dunha novela que levamos en mente, facer deporte, etc.

Ademais de para reservar tempo para todo o importante, esta organización debe tamén procurar a consecución do mantemento dun nivel de enerxía alto, para o cal se recomenda combinar actividades que nos desgastan, con outras que nos repoñen ou cargan as pilas.

En resumo

De xeito esquemático, Agile Results proponnos pois o seguinte:

  • A regra do tres. Definir tríos de resultados para o ano, o mes, a semana e o día.
  • A visión do luns, os resultados diarios e a reflexión do venres. Consiste en planificar cada luns os tres resultados prioritarios para esa semana, fixar diariamente resultados para esa xeira, e facer unha reflexión cada venres para avaliar a semana transcorrida e identificar tres cousas que, polos resultados que nos deron, paga a pena manter, e tres aspectos nos que cómpre mellorar.
  • As áreas quentes. Consiste en definir o máis importante en tres áreas (vital, laboral e persoal) para asegurarse que lle dedica tempo ao que se considera prioritario e irrenunciable, espallando no noso horario semanal, entre as actividades que nos desgastan, outras que nos achegan enerxía.

Agile Results é un método sinxelo e rápido de implantar, que produce resultados sorprendentes precisamente por mor desa súa simplicidade, que apenas require de adestramento previo. Unha posibilidade metodolóxica que paga a pena ter en conta cando se procuran ideas para mellorar a organización tanto persoal como de equipos de traballo.

Deixa unha resposta