Agile Results. Claves produtivas (iii)

Outro dos aspectos interesantes do Agile Results como método de organización é a importancia que lle outorga aos asuntos non laborais. É dicir, que aínda que se trata dunha metodoloxía empregada esencialmente para a organización do traballo, non se cingue a ese eido, senón que contempla todo o demais, e mesmo salienta a importancia que a todos os niveis ten a non desatención dos aspectos vitais alleos ao ámbito profesional. Despois de todo, o esforzo organizativo carece de sentido se non contribúe a que se acade unha vida satisfactoria. Velaí a utilidade do chamado 3º piar de Agile Results.

Este método especifica que se debe limitar o tempo a dedicar ao traballo e que cómpre organizar o noso horario semanal e o noso calendario reservando tempo para aquilo que nos parece irrenunciable, como pode ser estar coa familia, @s amig@s ou aqueles proxectos que sexan de tipoloxía máis persoal.

Algunha das utilidades da posesión destes horarios e calendarios son obvias. Outras, non obstante, resultan menos evidentes. Entre estas últimas, cabe sinalar as seguintes:

  • Seguimento dunha pauta. O especialista en psicoloxía da procrastinación, Piers Steel, di no seu ensaio Procrastinación que “o que se pode facer en calquera momento, acotío non se fai nunca”. Se o usuario considera irrenunciable facer deporte dúas veces á semana, o mellor é definir nun horario semanal que días serán e a qué hora. E despois cinguirse ao mesmo.
  • Establecemento de límites temporais. Outra praxe recomendada por este terceiro piar consiste na posibilidade de pasar do enfoque “facer isto até que remate”, a un que establece que se lle dedicarán a tal proxecto, por exemplo, seis horas semanais (tres o luns pola tarde, e outras tres o xoves). Aínda que a priori poida parecer contraproducente, esta definición adoita dar bos resultados produtivos. Non é o mesmo abordar un proxecto sentindo que este pode retomarse en calquera intre que sabendo que só se dispón para el dun número limitado de horas. Este segundo enfoque, ao facer ao usuario máis consciente da limitación temporal, tende a facer que se procure obter o máximo aproveitamento do tempo dedicado.
  • Recargando as baterías. Como acontece co indicado no punto anterior, tamén se trata dun aspecto en aparencia contraproducente. Pode redundar en melloras produtivas o feito de predefinir que tales días á semana imos reservar tempo para o ocio? Aínda que a priori semelle máis infatigable e voluntarioso quen está disposto a renunciar a este, a realidade é que iso constitúe, en materia de efectividade, unha decisión nefasta. A enerxía da que todos dispoñemos non é lineal nin constante, senón que flutúa ao longo do día, da semana e do mes. E non todo o que facemos inflúe sobre esta do mesmo xeito. Velaí que, se a alguén o relaxa e lle achega pulo vital a práctica da escalada, o ciclismo ou ir ao cine, non debería dubidar en reservarlles oco no seu calendario. Tales actividades nunca constitúen perdas de tempo, senón todo o contrario: o que lle se lle dedica tende a recuperarse folgadamente grazas aos azos renovados cos que despois se retoman os asuntos profesionais.

En resumo, estes son tres dos beneficios que pode achegar o chamado “3º piar” do Agile Results:

  • Establecemento de pautas, que facilitan a organización.
  • Maior consciencia da condición limitada do tempo e, por ende, tendencia a aproveitalo mellor dende o primeiro momento.
  • Mantemento dun nivel alto de enerxía persoal, grazas á reserva de tempo para aquilo que ao usuario “lle recarga as pilas”.

En vindeiras entradas, seguiremos falando de Agile Results.

Deixa unha resposta