SOBRE O BLOG

ORGANIZADAMENTE é un blog no que se aborda, nas súas diferentes vertentes, a arte de organizar tanto o noso traballo como os nosos proxectos persoais.

Ter axeitadamente organizadas tarefas, proxectos, obxectivos ou responsabilidades, non só incrementa a efectividade profesional, senón que tamén redunda nun menor stress. Este conxunto de prácticas e hábitos teñen por obxecto, en última instancia, liberar á nosa mente da tensión que lle xeran tanto a incerteza como o continuo bombardeo informativo (correos, faxes, wasaps, interrupcións, chamadas urxentes…) e achegarlle claridade e acougo. É por iso que o nome do blog responde a un sinxelo xogo de palabras, ORGANIZADA-MENTE. Porque ese -unha Mente Organizada- é, en última instancia, o obxectivo que se persegue.

Quen coñeza ou lese artigos sobre Produtividade Persoal ou Efectividade será moi consciente de que esta materia, nos seus inicios (antes coñecida como “xestión do tempo”), contemplábase unicamente como de utilidade para directivos de multinacionais. Desde ORGANIZADAMENTE, non obstante, apóstase por achegar e adaptar esta a os máis diversos perfís persoais e profesionais. Porque non hai ninguén, despois de todo, que non se poida beneficiar das súas múltiples aplicacións.