A noción de “estado de fluxo” (as veces denominado simplemente “o fluír” ou tamén “estar na zona”) é un concepto desenvolto polo psicólogo de orixe húngara Mihály Csízszentmihály. Dende a súa aparición, esta noción non deixou de gañar en relevancia, especialmente nos campos da psicoloxía do traballo, así como no da psicoloxía positiva e a súa infatigable procura da felicidade humana. Semella un paradoxo que dous ámbitos en aparencia tan dispares como o traballo e a ledicia poidan compartir interese por un mesmo concepto, pero velaí unha das descubertas de Csízszentmihály: a felicidade rara vez aparece de seu, senón que emerxe máis ben como unha derivada. É dicir, que se presenta como o resultado de facer “algo” (as actividades concretas poden resultar moi variadas) cun alto grado de implicación e compromiso. Daquela, que é iso de “fluír”?
O estado de fluxo
Cabería definir o estado de fluxo en termos máis técnicos dende unha perspectiva psicolóxica, mais, empregando unha linguaxe máis mundana, a fluidez é un estado emocional harmonioso que emerxe na psique ao realizarmos unha determinada actividade cun estado de alta concentración e cunha implicación plena, de xeito que esta ocupa toda a conciencia, sen deixar ningún oco. Caracterízase, pois, porque a conciencia dun mesmo desaparece do marco atencional e mesmo se tende a perder a noción do tempo, nunha sorte de fusión completa coa actividade.
Nos obradoiros que realiza ORGANIZADAMENTE adóitaselle solicitar aos asistentes que identifiquen algunha ocasión na que experimentaron fluidez. Se alguén ten dificultades para acadalo, a pregunta á que se recorre é a seguinte: lembrades esa ocasión na que vos mergullastes no que estabades a facer dun xeito tan pleno que o tempo pasou voando, case sen que vos decatásedes, na que acadastes un avance ou logro maior do común e que, curiosamente, lonxe de rematar exhaustos/as, máis ben tiñades unha sensación final satisfactoria? Ben, pois velaí o tedes. Niso consiste actuar “na zona”.
Condicións para o fluxo
Cómpre subliñar, antes de máis, que o estado de fluxo é un concepto subxectivo: é dicir, non todos/as o acadamos do mesmo xeito nin moito menos coas mesmas actividades. Por exemplo, o acto de conducir pode constituír para algunhas persoas unha experiencia de fluxo e, para outras, non obstante, só ser unha incomodidade que abordan cada día con resignación. Os montañeiros, da súa banda, acostuman a narrar os seus logros de xeito que resulta claro que para eles o proceso de avance cara ao cumio constitúe unha actividade que realizan “na zona”; outras persoas, non obstante, tenden a experimentalo con maior frecuencia con actividades menos intempestivas, como debuxar, bailar ou escribir. Mais, malia esta compoñente subxectiva, Csízszentmihály identificou un conxunto de condicións que se teñen que presentar para que a fluidez emerxa na conciencia. Son as seguintes:
Metas claras. A actividade ten que posuír un ou varios obxectivos ben definidos. Facendo unha analoxía co tiro con arco, para que exista a fluidez é necesaria unha diana. Do contrario, a actividade volveríase un lanzar frechas azaroso e sen sentido.
Retroalimentación inmediata e franca. Precísase obter, dalgunha maneira, feedback sobre o desempeño, un retorno que indique avance, logro ou achegue elementos para avaliar a corrección daquilo que se realiza. Volvendo á analoxía do arqueiro, ademais dunha diana, precísase poder comprobar con que grado de acerto se están efectuando os lanzamentos. De non ser así, a fluidez volveríase imposible.
Equilibrio entre o reto asumido e a capacidade dispoñible. A fluidez emerxe cando existe un delicado equilibrio entre o que se ten a capacidade de facer e a dificultade daquilo que se propón como obxectivo; demasiado difícil, xera estrés; doado de máis, aburrimento. Cómpre, polo tanto, atopar un punto de equilibrio entre esas dous extremos, de maneira que se aborde algo que se pode acadar, pero de xeito abondo desafiante como para que implique facelo ao máximo das capacidades que se posúen. Retomando a analoxía do arqueiro, a diana non debe estar tan preto que sexa doado de máis atinar, nin tan lonxe que resulte imposible dar no branco.
Concentración. Por último, a fluidez esixe “estar ao que se está”, ou iso do que xa se falou noutra ocasión: facer unha única cousa cada vez. En estado de distracción, non hai fluidez; se se practica o tiro ao arco mentres se atende ao wasap ou se pensa noutra cousa, non haberá concentración nin fluidez. Entrar na zona esixe, polo tanto, un esforzo para eliminar as distraccións e centrarse plenamente no que se fai.
Aínda que as enumeradas poidan parecer catro condicións diferenciadas, é doado comprobar como estas se realimentan e relacionan entre si dun xeito moi estreito. Se hai equilibrio entre reto e capacidade, se se fai a actividade nun nivel que implica “actuar ao máximo”, iso esixirá concentración; para manterse concentrado/a e motivado/a coa actividade, precisarase un retorno inmediato que indique nivel de acerto ou aproximación e, ao mesmo tempo, este só poderá existir se a meta a acadar está claramente definida. Disto tamén se infire, pois, que no intre no que falla unha das condicións, tenden a facelo tamén as demais. Velaí que precisen as catro.
Porén, ademais das catro condicións enumeradas, queda cando menos un último punto que cómpre subliñar para acadarmos maior fluidez nas nosas actividades cotiáns.
Activando o fluxo
Unha das características que refire Csízszentmihály respecto ao fluxo é que este non emerxe de inmediato, senón que require que se realice, mediante o esforzo consciente, un primeiro impulso. Dalgún xeito, é como aqueles avións de antano que, antes de comezar a voar, precisaban que se lles dese manualmente un bo empurrón na hélice. Alcanzar o estado de fluxo implica que se efectúe un esforzo inicial, lapso no que a fluidez aínda estará ausente. Ningún deportista se mete de inmediato na zona nin ningún pianista entra en flow sen antes realizar un pouco de práctica repetitiva e, polo tanto, un pouco aburrida. Ese investimento inicial de esforzo volitivo é o que Csízszentmihály denomina “enerxía de activación”, unha sorte de pequena peaxe que hai que pagar para despois gozar das vantaxes da fluidez.
Ademais do propio concepto de estado de fluxo, a idea de enerxía de activación posúe grande importancia en materia de organización persoal, porque, de xeito cotián, téndese a obviar o que implica. Constitúe unha praxe moi habitual, por exemplo, adiar o inicio da realización dunha tarefa porque se agarda a que apeteza abordala. O problema é que as cousas non tenden a acontecer nesa orde; rara vez nos presta abordar unha actividade complexa e esixente antes de pór mans á obra: esa apetencia adoita máis ben a emerxer unha vez un/unha se implicou na súa realización tras un esforzo preliminar. Velaí que esa idea veña a reforzar outras das que xa se falou: a importancia de centrarse, non en rematar a actividade, senón en comezala, que adoita ser o paso máis difícil de todos. E ese paso, a súa vez, pode simplificarse moito se, en vez de pensar na actividade en conxunto (por exemplo, unha tese doutoral), identificamos un primeiro paso, acoutado e manexable, para comezar con ela (por exemplo, preparar un primeiro bosquexo do índice da tese). Feito iso, e sobre todo de se cumpriren as condicións anteriormente enumeradas, o fluír encárgase de facilitar a posterior inmersión no proceso de realización da actividade.
En resumo
“Estado de fluxo” ou simplemente “fluír” é como se coñece en psicoloxía ao feito de implicarse na realización dunha actividade dunha maneira completa e plena. A consecución deste, ademais de porque tende a acompañar aos meirandes niveis de logro nas máis diversas disciplinas, ten a vantaxe de que suscita ese un estado emocional positivo e gratificante. Aínda que todos/as o experimentamos de xeito espontáneo de cando en vez, existe unha serie de claves que nos facilitan a súa consecución: dispoñer dun conxunto de metas claras e feedback inmediato de progreso cara as mesmas, definir un reto acorde coas nosas capacidades (nin doado nin complicado de máis), actuar con plena concentración (“facer unha soa cousa cada vez”) e, por último, facer unha inversión inicial de esforzo, posto que fluidez non emerxe de inmediato, senón que esixe da nosa banda a toma dun impulso inicial.
Organizándonos de xeito que se cumpra todo o indicado, a fluidez vólvese para todos/as moito máis factible.
En vindeiros artigos, comentaranse algúns aspectos máis do “estado de fluxo”.