Agile Results. Claves produtivas (i)

Nunha entrada anterior explicáronse as xeneralidades da técnica Agile Results. Neste preténdese detallar as razóns pola que unha metodoloxía tan aparentemente sinxela pode aportar un grande incremento en efectividade e produtividade persoal.

Estas son algunhas das claves facilmente identificables na súa estrutura de tres piares:

  • Aclaración de que é o que se considera “máis importante”. O método fai que o usuario escolla tres resultados para o ano. Obviamente, isto non é óbice para que se poida anhelar acadar máis, pero forza ao usuario a que aclare cales son os tres principais. Este paso, unha vez se completou, constitúe un compás, un sistema de orientación que axuda a que saibamos que cómpre no cotián atender de xeito preferente. Priorizar con criterio (é dicir, tendo en conta qué terá maior repercusión, aínda que non sexa de xeito inmediato) e enfocarse naquilo que é clave constitúe outra das claves da produtividade persoal.
  • Segmentación do grande en pasos menores. Grazas á posta en práctica do chamado “1º piar”, podemos transformar os obxectivos anuais en pasos menores, resultados para este mes e esta semana. Segmentar os grandes traxectos en pequenos pasos resulta ser outra das claves de todo proceso de mellora organizativa.Por amosar un exemplo desta segmentación, se o resultado que se desexa para a  anualidade é a redacción dun ensaio, para este mes poderíase fixar ter listos os primeiros dous capítulos, para a semana o índice e, para o día, o primeiro bosquexo dese índice.
  • Eliminación da procrastinación por segmentación das actividades maiores noutras menores. O proceso de segmentación anteriormente citado non só simplifica a actividade, senón que, en xeral, atenúa a tentación de incorrer na temida procrastinación (un dos grandes inimigos da mente efectiva). Unha das consecuencias de traballar atacando directamente resultados que se perciben como moi grandes ou arduos (porque implican, por exemplo, moitas semanas ou meses de traballo) é que, como tendemos a escoller actividade en base ao que tempo que temos dispoñible nese intre, nunca parecerá un bo momento para pórse. Se a definición do resultado a acadar é moito menor (non se trata de escribir o ensaio, senón apenas o seu índice), a posibilidade de rexeitar a procrastinación e pórse no acto será moito maior.
  • Orientación cara aos resultados. Levar en mente o que se quere acadar cunha determinada actividade, xa sexa unha reunión, unha chamada, un e-mail ou o que for) tende de seu a contribuír á efectividade, ao evitar que se perda tempo e recursos dando pasos cuxas función se descoñece. Semella isto unha obviedade, algo que cae de caixón pero, cantos de nós tivemos o pracer de estar nunhas cantas reunións nas que ninguén, incluído o convocante, sabía demasiado ben para que se organizaban? A claridade (ter claro o resultado que se pretende conseguir cando se resolve facer algo) é outra das claves da efectividade.

En resumo, estas son tres das claves da utilidade do Agile Results:

  • Identificación do importante, facilitando a consecución de enfoque.
  • Segmentación dos grandes resultados noutros menores e máis abarcables, máis accesibles no cotián.
  • Atenuación da procrastinación grazas a dita segmentación.
  • Orientación cara aos resultados, gañándose en claridade e capacidade de resolución satisfactoria de asuntos.

En vindeiras entradas seguirán enumerándose algunhas claves máis.

Deixa unha resposta