GTD BÁSICO. Regras para procesar/aclarar axeitadamente

Imaxe de Andy Ciordia baixo licenza Creative Commons

No anterior artigo comentábase en que consistían os pasos procesar/aclarar e organizar os elementos recompilados/capturados nas bandexas de entrada. Neste procederemos a subliñar algunhas regras que axudan a simplificar e facer máis eficiente este paso do método GTD.

Por orde estrita

Un dos erros que se comete en ocasións é percorrer á bandexa de entrada á procura dos elementos máis relevantes, para darlles prioridade. Isto pode levarnos a desenvolver un hábito desaconsellable: evitar o procesado/aclarado de parte dos elementos capturados. E, ademais diso, alongaría o proceso, posto que nos levaría percorrer o contedor unha e outra vez, no canto de centrarnos en procesar/aclarar e organizar elemento a elemento. O xeito de evitalo é sinxelo: simplemente, procesa por orde estrita.

Un elemento cada vez

Como se dixo noutras ocasións, a concentración e o enfoque son clave para a efectividade. E iso en ocasións implica fixar límites, cinguirse a unha cantidade acoutada de información. Por iso cómpre resistir a tentación de, mentres se procesa/aclara un elemento, ollar de esguello os seguintes. Con iso só se consegue perder enfoque e, en consecuencia, procesar peor e máis lentamente.

Nada volve á bandexa de entrada sen procesar/aclarar

Se se teñen dúbidas sobre algún elemento, cómpre esclarecelas, sen devolver o elemento á bandexa de entrada, como se a devolución resolvese o problema. Trátase dunha tentación que convén aprender a resistir, para o cal só hai que seguir esta regra: unha vez se seleccionou un elemento da bandexa de entrada, nunca se devolve a esta sen procesalo/aclaralo e organizalo.

Se revolver o tema leva menos de 2 minutos, faino xa!

En ocasións os elementos recompilados/capturados implican pequenas tarefas que resultan moi doadas de resolver. Se conseguilo implica menos de 2 minutos, o ideal é despachar o tema e non molestarse en organizalo.

En resumo

Todo o indicado pode resumirse na conveniencia de procesar/aclarar por orde estrita, prestando toda a atención a cada un dos elementos e sen devolver nunca nada á bandexa de entrada sen procesar/aclarar. E, se resolvelo leva menos de 2 minutos, mellor facelo xa.

Un pensou en “GTD BÁSICO. Regras para procesar/aclarar axeitadamente

Deixa una resposta a Xose Sobral Cancelar a resposta