Introdución ao método GTD

 

GTD é como adoita coñecerse o método de produtividade persoal con maior éxito e cota de aplicación na actualidade. Creado polo consultor David Allen, o seu nome deriva do acrónimo da expresión Getting Things Done, o título en inglés do libro que popularizou a metodoloxía. Na actualidade, en castelán, os libros de Allen que tratan sobre GTD son os seguintes:

  • Organízate con eficacia (2002).
  • Haz que funcione (2011).

Como se dixo nunha entrada anterior, a consecución dunha boa produtividade persoal implica xogar con dúas variables: control e perspectiva. Facendo un símil cun laboratorio de investigación, por exemplo, o control sería o dominio do manexo do equipamento, e a perspectiva, o plan de investigacións para o laboratorio, os seus obxectivos a curto, medio e longo prazo. Da mesma maneira, en produtividade persoal, o control implica o dominio do fluxo de traballo, e a perspectiva, a visión de futuro, organizada a diferentes niveis.

Seguindo esta pauta, para a consecución do control, o método GTD propón a recompilación sistemática de todo aquilo que atrape a nosa atención (noutra entrada falouse da importancia desta en produtividade persoal), para despois organizar as súas derivadas nun conxunto de listaxes que permiten, coa implantación dunha serie de hábitos, manter o conxunto organizado de xeito eficiente e sempre actualizado.

A perspectiva, da súa banda, consiste de xeito resumido, en identificar as diferentes áreas de enfoque ou interese (un exemplo podería ser “a ecoloxía”) e, respecto a estas, os obxectivos que nos marcamos a 1-2 anos vista (“constituír un grupo ecoloxista”), e a 3-5 anos vista (“que o grupo ecoloxista sexa pioneiro en tal área”). No nivel máis alto da perspectiva, contemplaríanse as metas vitais ou propósitos de vida do usuario en cuestión. É este conxunto de niveis de perspectiva os que axudan a decidir, no día a día, de entre todo o que temos que facer (unha das derivadas dos procesos de control é que sempre se dispón dun inventario actualizado de temas pendentes de abordar), qué é o que merece que se lle dea prioridade para que as nosas metas e obxectivos frutifiquen.

A posta en práctica deste método (por definición, un método ou sistema é un conxunto de regras entrelazadas que axudan á consecución dun determinado obxectivo) contribúe, non só a mellorar a produtividade persoal, senón tamén a reducir o stress, unha das felices derivadas do feito de liberar á mente da necesidade de lembrar compromisos ou temas por atender. Isto conséguese grazas á disposición dun sistema externo de recordatorios (é dicir, unha memoria externa) totalmente fiable que se encarga de que lembremos o necesario xusto no intre no que vén ao caso facelo. Non se trata de conxecturas: o método GTD dispón de estudos de primeiro nivel que avalan a súa eficacia.

En vindeiras entradas, enumeraranse tanto as claves da utilidade do método GTD como as súas diferentes compoñentes

Deixa unha resposta