O poder dos límites. Organizándonos mellor en base aos principios da simplicidade

Unha das características derivadas da conectividade global xurdida nas últimas décadas foi que nos levou a estar de xeito case constante nun estado de saturación informativa (novidades, newsletters, correos, noticias, spam, chamadas, anuncios, wasaps, avisos de mensaxe de diferentes redes sociais, máis novidades…). Esta conectividade aportounos multitude de beneficios e comodidades (non esquezamos a lea na que te vías metido non hai tanto cando se che avariaba o coche de noite nunha estrada afastada), pero tamén nos xerou algunhas dificultades. Entre outras, o feito de a mente precisa calma, concentración e enfoque para despregar o seu potencial e, na actualidade, isto pode non resultar doado. Constitúe pois todo un paradoxo que a información, en exceso, acabe provocando síntomas parecidos á súa carencia: nun caso, podes non dispor de datos clave e, no outro, por exceso, veste saturado e non es quen de procesala, co cal estás nunha situación moi similar. Velaquí é onde os principios da simplicidade e o minimalismo poden ser de grande axuda á hora de recuperar o enfoque e a concentración.

Simplicidade como camiño cara a unha mellor organización

Leo Babauta, creador do blog Zen Habbits, e autor de libros como Focus ou El poder de lo simple, é quen con maior énfase está a destacar o camiño da simplicidade como o xeito de organizarnos dentro do marasmo informativo contemporáneo. Unha das consecuencias deste exceso é que deriva na necesidade continua de filtrar entre múltiples opcións, alternativas e posibilidades. Que facer agora? A que curso asistir? Que libro ler? Que proxecto emprender? Como non podía ser doutro xeito, a simplicidade aporta un consello de exemplar sinxeleza: elixe o esencial e desenténdete do resto.

Elixindo o esencial

O problema de elixir o esencial é que, como tantos outros consellos, resulta máis doado de dicir que de materializar. Todos ouvimos suxestións similares en milleiros de ocasións, pero case nunca acompañadas dunha metodoloxía clara e definida para atinar a facelo. Aquí é onde Babauta fixo unha das súas máis valiosas achegas: dar indicacións claras e precisas sobre como cómpre proceder para conseguilo. A continuación trataremos a principal.

Fixa límites en todo o que fagas

A cultura popular tende a exaltar a idea de vivir sen límites, un concepto que, aínda que ben intencionado, peca de certa candidez adolescente, pois presupón que carecer destes é necesariamente positivo, cando a realidade é máis ben a contraria. Aquilo que carece de límites vólvese disperso, pouco concentrado, e disipa o seu poder do mesmo xeito que as tinturas perden cor a medida que se dilúen. O establecemento de límites, non obstante, suscita o efecto contrario; velaí que o láser (que só é un face de luz concentrado) posúa capacidades das que carece a luz corrente. Cómpre polo tanto esquecer tan inxenuos retrousos e ter claro que, fagas o que fagas, convén fixar límites, porque o seu establecemento, ao circunscribir a nosa atención, tende tamén a potenciar as nosas capacidades.

Establecendo límites positivos

Para visualizar como os límites nos poden axudar a escoller o esencial e descartar o resto, poucos exemplos resultan máis ilustrativos que o das compras. Facelo sen un límite de gasto é o xeito ideal de rematar efectuando adquisicións inútiles ou absurdas; se acoutas moito o que te vas permitir gastar, pola contra, asegúraste de só adquirir aquilo que realmente precisas e de renunciar ao resto. E a mesma lóxica se pode aplicar a todo o demais.

En calquera área na que se queira mellorar, o establecemento de límites constitúe unha ferramenta de suma utilidade. O correo electrónico róubache demasiado tempo? Limita as veces que o revisas e o tempo que lle dedicas, así só atenderás aqueles que realmente son importantes para ti. Tes que facer un determinado traballo pero escolmaches tanta información ao respecto que non a es quen de procesar? Limita o número de documentos que vas ler (dous ou tres), e así centraraste exclusivamente nos que consideres mellores e poderás afondar nos mesmos, en vez revisalos todos só de xeito superficial. Fíxaste ducias de obxectivos, pero logo non es quen de materializalos? Limita os que asumes simultaneamente (un ou dos, ao sumo) e así incrementaranse as posibilidades tanto de que os consigas e como de que te centres nos para ti máis relevantes. Velaí o poder dos límites.

En resumo

En vindeiros artigos seguiremos a falar dos principios da simplicidade aplicados á organización persoal. Respecto ao tema de hoxe, apenas lembrar que a simplicidade constitúe, de seu, un poderoso principio de organización, cuxa clave fundamental é elixir o esencial e descartar o resto, e que este enfoque conséguese fixando límites en todo o que se fai.

Deixa unha resposta