O concepto de Produtividade Persoal

O termo produtividade non goza de boa sona. Por mor da visión mecanicista que se asociou a esa palabra (premer máis parafusos por minuto, fabricar máis metros cadrados por hora, acadar máis en menos tempo, etc.), tende a vincularse automaticamente a facer máis, sempre máis, do que for. É dicir, que se equipara a produción, ou a cantidade por unidade de tempo, de xeito que, ao citar o termo produtividade, tendemos a imaxinar a alguén detrás de nós, cronómetro en man, facendo medicións de canto nos leva rematar isto ou estoutro e esixindo sempre máis e máis.

O concepto de produtividade persoal, non obstante, está moi afastado desa noción. Por iso é importante definir claramente a qué se apela cando se emprega en materia de autoxestión ou de organización persoal. Neste eido, a Produtividade Persoal consiste, de xeito resumido, en facer de xeito eficiente as tarefas que cómpre efectuar. É dicir, que non consiste en facelo todo en tempo récord, nin sequera en facer moito, senón en facer o correcto, aquilo realmente importante. É precisamente esta visión a que levou a Peter Drucker a afirmar  que:

“O traballo non é establecer prioridades. Iso é doado. Todo o mundo pode facelo. […] A dificultade é establecer posterioridades, é dicir, decidir qué non facer”.

Dende este punto de vista, a produtividade persoal non consiste pois en obsesionarse con facer moito senón en centrarse naquilo que cómpre efectuar dende criterios  obxectivos.

E esa definición, a súa vez, sinálanos outros termos que convén aclarar. Farémolo en vindeiras entradas.

Deixa unha resposta