Eficacia, eficiencia e efectividade

Antes de máis nada cómpre subliñar que as que a continuación se van a enunciar non son definicións “de dicionario” (esas que posúen o respaldo de Reais Academias, Institutos da Lingua nin demais entidades que “fixan e dan esplendor”), senón que se trata do sentido co que se empregan no ámbito técnico, de optimización de procesos ou en produtividade persoal. Nesta contorna, de xeito xeral, e aínda que existen diferenzas de matiz entre uns e outros autores, significan o seguinte:

  • Eficacia. É a calidade daquilo que consegue o obxectivo que pretende.
  • Eficiencia. É a calidade daquilo que consegue o obxectivo que pretende, optimizando o consumo de recursos.

Para amosar esta dicotomía cun exemplo sinxelo, cabe imaxinar o seguinte caso: se para regar un céspede que precisa de cincuenta litros para se hidratar durante tres minutos de dedicación, se empregan dous centos cincuenta libros ao longo de tres cuartos de hora, o proceso é eficaz (acádase o obxectivo: a hidratación do céspede), pero non é eficiente. Para o segundo cumpriría axustar o consumo de recursos á necesidade real, sen dilapidalo.

Unha vez se aclararon as diferenzas entre eses termos, convén abordar un máis, tamén fundamental:

  • Efectividade. En materia produtiva trátase dunha idea relativamente recente, introducida polo destacado teórico Peter Drucker. Del é a frase: “Non hai nada máis inútil que facer de forma moi eficiente aquilo que non debería facerse en absoluto”. É dicir, que a efectividade implica a capacidade de decidir atinadamente qué debe facerse.

Seguindo co exemplo anterior, un podería ser eficiente (regar o céspede cos cincuenta litros de auga precisos durante os tres minutos necesarios), pero non sería efectivo se non comprobou que para esa mesma tarde se esperan choivas e, en consecuencia, o propio proceso de regado carece de sentido.

A efectividade é, en resumidas contas, un termo complementario -en realidade practicamente sinónimo-, de produtividade persoal, posto que, como se viu con anterioridade, esta segunda non consiste en facer moito, nin sequera en facer máis, senón en facer o importante, aquilo co que cómpre pórse.

Deixa unha resposta