Distraccións e interrupcións, dous inimigos da produtividade persoal

Partindo da premisa xa tratada de que a concentración é o noso meirande recurso produtivo, tamén é lóxico que todo aquilo que nos priva da mesma, que nola racha, constitúe o que poderíamos chamar “inimigos da produtividade persoal”.

Antes de irmos a máis, convén subliñar que as distraccións e as interrupcións, se ben producen efectos moi similares, son de natureza distinta. Adoita aludirse por interrupción a aquilo que se desencadea por mor dun axente externo, é dicir, son outras persoas as que nos interrompen. As distraccións, pola contra, poden provir do noso interior ou do exterior, pero adoitan ter cando menos unha moi importante compoñente interior, posto que é un mesmo quen decide responder ou non ante un determinado estímulo (en resumo, o anuncio publicitario dun produto só nos distrae na medida en que optamos por prestarlle atención). Por mor desta natureza diferente, tamén diverxen as estratexias que cabe desenvolver para unha mellor xestión de ambos os dous fenómenos.

As razóns polas que tanto as distraccións como as interrupcións resultan tan nefastas é un tema xa exposto: fan que se perda a concentración, e esta só se consegue recuperar tras 10-15 minutos como mínimo. Amais de non ser inmediato, o proceso de concentrarse e desconcentrarse consume moita enerxía mental e, de acontecer de xeito reiterado, resulta sumamente estresante para o cerebro, o que redunda nunha maior sensación de esgotamento. Malia isto, as análises efectuadas respecto ao nivel de interrupcións–distraccións que adoitan existir nos espazos de traballo resultan demoledores.

Nun estudo efectuado en Microsoft, por exemplo, para o que gravaron co seu consentimento aos seus traballadores de oficina, detectaron que estes sufrían unha media de catro interrupcións á hora, interrupcións que, nun 40% das ocasións, implicaban para eles deixar de facer a tarefa coa que estaban para mudaren de terzo. Investigacións similares efectuadas noutros países e organizacións arroxan datos, non só parellos, senón acotío peores. Isto dá boa conta do baixo estado de concentración no que adoitamos traballar tod@s, un feito moi negativo para a efectividade persoal e que levou a Robert Frost a expresar unha das súas frases máis celebremente xocosas:

O cerebro é un órgano marabilloso. Comeza a traballar nada máis erguérmonos e non deixa de funcionar até entrar na oficina.

Para que a mente siga plenamente operativa e enfocada malia tanto rebumbio, sexa en oficinas ou noutras contornas laborais e persoais, convén pois definir e aplicar estratexias contra as interrupcións e as distraccións.

Estas estratexias serán obxecto de vindeiras entradas. En resumo do exposto, lembrar a diferente natureza dos conceptos tratados:

  • Distraccións. Proveñen do noso interior, ou da nosa resposta a diferentes estímulos externos. En resumo: distraémonos nós.
  • Interrupcións. Proveñen sempre do exterior. En resumo: interrómpenos outras persoas.

Por último, subliñar que acadar unha boa produtividade persoal implica protexerse de ambos os dous fenómenos con diferentes estratexias cuxo obxecto é, en última instancia, protexer o recurso produtivo máis valioso: a concentración.

 

Entradas relacionadas:

Deixa unha resposta