Consellos breves de efectividade: “identificar a primeira acción”

A identificación da primeira acción é unha compoñente destacada do método GTD de produtividade persoal creado por David Allen, o que non implica que haxa que ser usuario/a desta metodoloxía para tirar proveito do que implica a aseveración. Como corresponde a esta sección do blog centrada nos consellos breves, trátase dunha suxestión sinxela, doada de transmitir e de aplicar, e que reporta beneficios practicamente inmediatos.

Todos/as nos sentimos en ocasións aburados ante a necesidade de emprender determinadas actividades, sobre todo cando estas son complexas, percibidas como aburridas ou, por algunha razón, consideradas pesadas. O resultado desta sensación é, acotío, un dos desencadeantes da “procrastinación”: o adiamento dunha obriga cuxa posposición carece de sentido e vai contra os nosos propios intereses. Unha maneira de rachar esa inercia consiste en identificar a primeira acción. Isto é, o primeiro paso que se require para activar o tema.

Desta maneira, se estamos adiando cuestións como “facer o traballo final de mestrado”, “reparar o cristal rachado da fiestra do salón” ou “aprender a utilizar o método GTD”, unha maneira de desbloquear a situación consistiría en identificar un sinxelo primeiro paso que se poida abordar con facilidade. Por exemplo (enuméranse a continuación algunhas posibilidades):

  • “Facer o traballo de final de mestrado” -> “Concertar unha entrevista do director do traballo e consultar as dúbidas que teño respecto a este”.
  • “Reparar o cristal rachado da fiestra do salón” -> “Tomar nota das medidas do novo cristal que preciso”.
  • “Aprender a usar o método GTD” -> “Buscar onde se poden facer, na miña contorna, cursos sobre a metodoloxía GTD”.

A vantaxe de identificar unha primeira acción é que, ao fixar a nosa atención nun paso manexábel, simplifica a súa realización. Feito isto, rachada a inercia do inmobilismo e xerada a da proactividade, como se se desatase unha sorte de efecto dominó, tende a resultar máis doado identificar e abordar os pasos que virían a seguir. Por exemplo: “recompilar todas dúbidas para ter unha entrevista proveitosa co director”, “pedir presuposto na cristalería do barrio” ou “matricularme no curso que se organiza o vindeiro mes”.

Así que, ante un tema pendente de abordar dende hai meses, ou que temos parado e nos gustaría reactivar, cómpre deixar de pensar na súa globalizade e limitarse a identificar a primeira acción a realizar. E por ela, para desatar a reacción en cadea!

 

Entradas relacionadas:

Deixa unha resposta