Claves GTD. Clave 4: Segmentación de tarefas e erradicación da procrastinación

En anteriores entradas (1, 2 e 3) enumeráronse algunhas das claves que explican a eficacia método GTD. Nesta centrarémonos noutro aspecto: a segmentación das tarefas en pequenos pasos.

Calquera actividade de envergadura resulta moito máis doada de abordar se, no canto de observármola na súa globalidade, nos cinguimos a un único paso concreto. Esa é a definición de “acción” en GTD: toda acción física indivisible que hai que efectuar para conseguir un determinado resultado. Deste xeito, a reposición dos cartuchos de tinta dunha impresora implicaría as seguintes accións:

  • Retirar da impresora o cartucho esgotado.
  • Mercar un novo cartucho (modelo XYZ).
  • Colocar o novo cartucho na impresora.
  • Facer unha proba de impresión.

Segundo a definición que se postula en GTD, isto convertería esta actividade nun proxecto, posto que implica máis dunha acción física. E se ben nun caso como este a segmentación das accións pode parecer que posúe unha relevancia menor, esta percepción muda cando se traballa con proxectos de maior envergadura. Unha das causas da procrastinación radica precisamente aí, no feito de que determinados resultados se perciben como demasiado “longos” ou “arduos”. Por poñer un caso, a realización dun traballo de final de grao (TFG en adiante) pode facer que un estudante adíe a súa acometida unha e outra vez. Porén, se previamente se identifican as primeiras accións que hai que acometer para comezar (“marcar entrevista co director de TFG”, “listar as consultas a efectuarlle ao director na entrevista concertada”, “acudir á entrevista na data combinada”, etc.) fai que ese proceso de arranque se simplifique moito, atenuando a tentación de deixar a súa abordaxe para outro momento.

Segmentar todo resultado a acadar en pequenos pasos máis manexables simplifica moito o traballo e atenúa a tendencia á dilación e, en resumo, fainos ser moito máis efectivos. Outra das praxes que implica GTD e que, obxectivamente falando, resulta moi aconsellable aplicar.

Deixa unha resposta