Agile Results. Claves produtivas (ii)

Nunha entrada anterior apuntáronse algunhas das claves da eficacia do método Agile Results. Neste procederase a enumerar algunhas máis, tamén doadamente identificables:

  • Definición de resultados concretos para cada día. No segundo dos tres piares que estruturan o método, establécese que, antes de pór mans a obra, cómpre fixar tres resultados prioritarios para a xornada. A identificación das tarefas clave para cada día vén sendo un dos aspectos centrais das técnicas de mellora organizativa desde as súas orixes, cando Stephen R. Covey publicou Los siete hábitos de la gente altamente efectiva (no seu caso, denominadas Tarefas Máis Importantes, e coñecidas no sector polo acrónimo TMI). Esta selección das actividades fundamentais para a xornada é unha práctica de suma importancia desde sempre, pero volveuse máis relevante nestes tempos de continuo marasmo informativo (infoxicación, que adoita dicirse). Un xeito de manter baixo control este exceso de información consiste precisamente en definir o máis relevante que temos para ese día e non deixarse arrastrar polo marasmo. O resultado será a consecución dun grande aliado do que xa se falou noutras ocasións: o enfoque.
  • Eliminación da procrastinación pola definición de prazos de finalización breves. Ademais dos beneficios expostos no punto anterior, os estudos ao redor do fenómeno da procrastinación apuntan que outra clave da súa erradicación (na anterior entrada desta serie dedicada ao Agile Results tratamos outra destas), consiste en abandonar as datas de entrega afastadas (moi pouco efectivas en calquera caso, pero moi especialmente no caso das persoas con tendencia á dilación) e redebuxalas na forma de fitos parciais, máis achegados no tempo. O ideal para un procrastinador, con todo, sempre será a definición de resultados moi próximos, mellor se son para hoxe mesmo (é dicir, tal como aconsella a técnica). Canto máis preto do instante presente se sitúe o momento fixado para a finalización da tarefa, menos se tenderá a adiar a súa acometida. Velaí pois outra das utilidades desta metodoloxía.
  • Limitación dos resultados a fixar. Non menos relevante é o feito de que, non se indica só que se definan os resultados do día (e tamén ao ano, o mes e a semana), senón que se limitan estes a un número concreto: tres. Aínda que pareza un principio un tanto gratuíto, trátase tamén dun aspecto clave, pois as limitacións, ao circunscribir a atención, incrementan a capacidade daquel que os aplica. O láser, despois de todo, non é máis que un face de luz moi concentrado, factor ao que lle debe o seu amplo abano de potencialidades. Algo similar acontece coa nosa atención: canto máis circunscrita ao redor de menos elementos, maior será a súa intensidade.
  • Realización periódica de revisións. Outra pauta vinculada ao segundo piar de Agile Results é chamada “reflexión do venres”. Facer revisións periódicas, analizar como evolucionan os diferentes proxectos, deterse e dedicar uns minutos a comprobar se se leva o rumbo correcto ou se convén corrixir o mesmo, é un dos hábitos máis aconsellables en materia de efectividade e produtividade persoal. O curioso desta praxe é que non constitúe ningunha novidade no que respecta á xestión de proxectos corporativos (ao redor dos mesmos sempre hai espalladas no tempo numerosas reunións de seguimento), pero, curiosamente, non é tan habitual que se faga a título persoal. Velaí que o autor en materia de efectividade, Brian Tracy, diga que tamén é necesario “reunirse periodicamente cun mesmo”. Ou o que é o mesmo: facer unha desas sesións de seguimento, neste caso, para a análise dos temas propios, adoptando así as medidas de mellora que se consideren pertinentes e identificando boas praxes.

En resumo do exposto, estoutras son catro máis das claves produtivas doadamente identificables na estrutura do método Agile Results:

  • Definición de resultados concretos para cada día, conseguíndose enfoque.
  • Definición de prazo de prazos de finalización achegados no tempo, atenuando a tendencia a caer na procrastinación.
  • Limitación dos resultados a acadar, circunscribindo a atención e maximizando a súa capacidade.
  • Realización de revisións periódicas, abríndose así un proceso de mellora continua.

En vindeiras entradas seguirase a tratar algunhas claves máis que agocha esta metodoloxía.

Deixa unha resposta