GTD BÁSICO. As compoñentes dos diferentes niveis de perspectiva

Como se dixo noutras ocasións, a perspectiva é a variable vertical da matriz da autoxestión. Neste eido, na dicotomía control-perspectiva, a proposta do método GTD consiste en que se comece primeiro por adquirir o control, xeito de proceder que se coñece como enfoque de abaixo a arriba. Esta priorización débese a que unha das consecuencias dunha cotidianía caótica é que, como imos “a salto de mata”, reaccionado ante a última novidade, a desorganización impídenos ver máis aló do inmediato. Velaí que se aposte por, antes de máis nada, adquirir control sobre o fluxo diario de traballo cos cinco hábitos dos que xa se falou:

  • Recompilar / Capturar
  • Procesar / Aclarar
  • Organizar
  • Revisar / Reflexionar
  • Facer

Unha vez se obtivo o control, chega o momento de gañar en perspectiva, que en GTD se estrutura en niveis ou horizontes de enfoque.

Os dous primeiros niveis de perspectiva: accións e proxectos actuais

Os dous primeiros niveis de perspectiva están compostos polas accións e os proxectos actuais. As accións están fundamentalmente recollidas na listaxe próximas accións, aínda que, se implican unha data concreta de realización ou se trata de accións delegadas, estarán na axenda/calendario e na lista esperando por respectivamente. Os proxectos comprometidos actuais, da súa banda, recóllense na listaxe de proxectos. A revisión deste conxunto daríanos unha perspectiva a curto prazo, a visión do que na actualidade temos comprometido afrontar e resolver nos vindeiros días ou, como moito, semanas.

As áreas de enfoque

As áreas de enfoque, ou áreas de interese e responsabilidade, están compostas polo conxunto de áreas temáticas que se disputan a nosa atención e respecto ás cales queremos manter un certo nivel de resultados. Estas poden estar vinculas ao noso traballo, ás nosas responsabilidades ou aos nosos intereses. Áreas de enfoque poden ser, por exemplo: de tipo profesional, o departamento (de estarmos ao cargo do mesmo); de tipo persoal, a saúde; por interese na materia, a fotografía.

A razón pola que se recompilan estas áreas é que así resultará máis doado acadar equilibrio entre as mesmas. Típicas formas de falta de equilibrio danse cando, para atender o traballo, se descoida a saúde ou a familia ou se deixan de practicar afeccións que un considera irrenunciables. Equilibrio, por certo, non implica aquí que se lles dedique a todas as áreas o mesmo tempo nin un nivel de esforzo similar (iso dependerá da preferencia de cada quen ou das necesidades que implique a área en cuestión); a clave do equilibrio está en sentir que todas as áreas de enfoque están atendidas a un nivel que se considera satisfactorio.

Non hai unha periodicidade predefinida para a revisión das áreas de enfoque. Con todo, poida que pague a pena facerlle unha revisión mensual, para así valorar se todas se están a atender como cómpre ou se convén facer algún axuste na dedicación.

Os obxectivos (1-2 anos vista)

En GTD considérase un obxectivo a un resultado cuxa consecución vai requirir cando menos un ano, até un máximo de dous. É dicir, que se trata de obxectivos a 1-2 anos vista. A súa correcta definición require que se enuncien de xeito claro, en base aos chamados criterios SMART, acrónimo anglosaxón dos adxectivos: específico, medible, alcanzable, relevante e acoutado no tempo.

En base a eses ítems, mellorar como fotógrafo non sería un xeito correcto de enunciar un obxectivo, posto que non resulta facilmente medible (non se sinala cómo cuantificar esa mellora), alcanzable (non se sinala o modo de poder dicir, chegado un determinado punto, “acadeino”), nin está acoutado no tempo. Dispoñer, antes de finais deste ano, de 50 fotografías das que estea suficientemente orgulloso como para preparar o meu primeiro book, por exemplo, cumpriría moito mellor esas condicións.

Obsérvese que existe unha relación clara entre as áreas de enfoque e os obxectivos: as primeiras, despois de todo, son eses campos temáticos ao redor dos cales cabe fixar obxectivos (no caso anterior, a área sería “fotografía”). Tamén é habitual a relación entre obxectivos e proxectos, pois os primeiros adoitan conseguirse de modo progresivo, polo xeral fragmentándoos en proxectos que se lanzan á listaxe correspondente. Un proxecto vinculado ao obxectivo enunciado podería ser: Localizado un taller para asistir a clases profesionais de fotografía.

A visión (3-5 anos vista)

En GTD a visión está composta por aquilo que nos propomos conseguir nun prazo que vai dos 3 aos 5 anos. Ademais de polo prazo, a diferenza con respecto aos obxectivos está no grao de detalle que se require na súa enunciación. Neste caso, admítese unha linguaxe menos concreta ou detallada. Seguindo co caso da afección á fotografía, un compoñente da visión podería ser, por exemplo, expoñer en galerías de arte as miñas fotografías. Os elementos da visión teñen a utilidade de seren focos inspiradores de obxectivos que nos achegarán progresivamente á súa consecución. É dicir, se un en 5 anos quere estar expoñendo as súas fotografías, qué obxectivos debe ir fixándose a 1 ou 2 anos vista para achegarse gradualmente a esa meta.

Propósito, ou vida

Trátase do último nivel de perspectiva, aquel que engloba a vida no seu conxunto. O seu obxecto é definir qué é importante para un mesmo e cales son valores aos que quere serlle fiel ou, dito doutro xeito, trátase de definir qué é aquilo que enche para ti a vida de sentido e como quererías vivila. A súa utilidade é de dispor unha visión de conxunto para que os obxectivos, as metas, os proxectos e as accións que se emprendan sexan coherentes con eses anhelos e se dispoña de pulo e motivación para afrontalas. Se para ti é clave desenvolver ao máximo as túas capacidades artísticas a través da fotografía, enuncialo claramente e lembralo de xeito regular contribuirá a que te organices a todos os niveis dun modo coherente con tal propósito.

Revisión dos niveis de perspectiva e o facer diario

Non existen periodicidades predefinidas para revisar o propósito, a visión ou os obxectivos. Esta cadencia debe asumila o usuario en función das súas necesidades e percepcións, tendo presente que o propósito dótanos dun guión xeral que recolle os nosos principais anhelos e, cuxa lectura, debería resultar inspiradora. A visión, da súa banda, achéganos unha folla de ruta a 3-5 anos vista que se empregará, fundamentalmente, para concibir obxectivos concretos a realizar en 1 año, 2 como máximo. Os obxectivos, por último, inspírannos pequenos resultados, que adoitan concibirse como proxectos a engadir na listaxe correspondente, e estes, a súa vez, seguintes accións a afrontar no día a día. Deste modo conséguese que o facer diario estea aliñado cos niveis superiores de perspectiva.

Lembremos por último que a produtividade persoal e a efectividade non consiste en facer moito ao tolo, senón de facer o importante, un facer ateigado de sentido. Velaquí a proposta do método GTD para conseguilo.

Deixa unha resposta