As sinxelas claves da produtividade persoal

Un dos erros nos que incorre iso que adoita chamarse “formación regrada” é que dedica moito tempo a formar tecnicamente para o traballo, pero pouco, ou nada, a ensinar cómo afrontar este eficientemente (do mesmo xeito que se indica qué estudar, pero poucas veces cómo). Velaí que o termo produtividade adoite estar rodeado de nocións trabucadas. Contra o que adoita crerse, ser máis produtivo non é algo que requira necesariamente máis esforzo nin que esixa unha renuncia ao lecer, senón que pode acadarse aplicando unha serie de simples principios que, malia a súa sinxeleza, adoitamos descoñecer. Estes que son algúns deles:

Céntrate en ser produtivo, non en estar ocupado

É habitual tratar eses termos como se fosen sinónimos, pero en realidade, ser produtivo e estar ocupado son asuntos moi diferentes. A ocupación apenas fai referencia ao feito de manterse activo, de realizar algo, sen incorporar a noción de qué é iso co que nos ocupamos. Ser produtivo, porén, implica ser consciente de en qué decide un ocuparse, escollendo naquilo que para nós (os nosos obxectivos, as nosas metas vitais) resulta máis relevante. Como dicía Thoureau:

Non é suficiente estar ocupado, tamén o están as formigas. A pregunta é, en qué estamos ocupados

Se un debe afondar na súa tese doutoral, preparar un exame ou continuar coa súa novela e, no canto de pórse con esas tarefas, escolle resolver outras menores ou menos esixentes, estase mantendo ocupado, pero nunca rematará o seu día sentindo que esa foi unha xeira produtiva (porque nin a tese, nin a preparación do exame nin a novela terán avanzado como deberían). Por iso, contra o que se adoita crer, o principal principio da produtividade non consiste en disporse a facelo todo, nin en traballar arreo, senón en centrar a actividade no importante.

Ante todo, concentración

A produtividade tampouco precisa dun nivel de actividade febril, senón que remite máis ben a un estado de acougo e concentración. Trátase de escoller a tarefa principal que temos por diante de despois dedicarlle á mesma consciente e deliberadamente toda a nosa atención. A concentración é -non o esquezamos- o noso principal recurso. Como dixo Dickens, trátase de “facer cada cousa como se non se fixese máis nada”.

 

Un tempo para cada cousa

Este principio é un complemento do anterior. Estar concentrado é imposible se un traballa e, ao tempo, atende o correo electrónico, responde wasaps e, simultaneamente, usa as súas redes sociais. Non se trata de abandonar estas actividades, senón de impedir que as mesmas nos fagan estar constantemente nun estado de baixa concentración, con continuos cambios de foco atencional, algo que, ademais de improdutivo, resulta esgotador para o noso cerebro. Por poñer un exemplo ilustrativo, é máis intelixente centrarse unha hora na tarefa, e despois dedicar media ás redes sociais, que estar hora e media coa tarefa e ao mesmo tempo coas redes sociais. Mellor sempre un tempo para cada cousa.

Unha soa cousa cada vez

Outra vez o principio engarza cos anteriores. Ter ante nós varios frontes abertos é un dos erros nos que incorremos máis acotío. É o que en psicoloxía se denomina multitasking, ou multitarefa: o hábito de tratar de resolver varios temas ao mesmo tempo. Este xeito de proceder produce unha falsa sensación de efectividade: como atendemos a varias cousas á vez, cremos resolveremos máis asuntos. Porén, todos os estudos efectuados ao respecto sinalan xusto o contrario: tratar de resolver varias tarefas simultaneamente fai que rematalas nos leve ao redor dun 40% máis de tempo do que implicaría facelas sucesivamente, primeiro unha e despois a outra. A clave é que concentrarse non é un proceso inmediato, á mente lévalle entre 10 e 15 minutos acadalo, así que ese continuo cambio de foco de atención, ademais de estresar ao noso cerebro, provoca baixa concentración e menos rendemento. Como dicía Antoine de Saint-Exupery:

O campo da consciencia é minúsculo. Só acepta un problema á vez.

Polo tanto, se queres ser produtivo fai unha soa cousa cada vez.

Céntrate en comezar

Outra das cousas nas que adoitamos trabucarnos é que, antes de pornos á faena, pensamos dificultoso que vai resultar rematar iso que temos ante nós (especialmente cando se trata dunha actividade altamente esixente). O cambio de chip que cómpre efectuar consiste simplemente en deixar de pensar en rematar e centrarse en comezar. Calquera que algunha vez saíse correr, facer ciclismo outro practicar calquera outro deporte, sabe moi ben que o único intre no que resulta difícil é cando un está no sofá preguntándose se facelo ou non: en canto calzou as zapatillas e se puxo en marcha, en troques, todo resulta máis doado, como se a propia actividade o levase en brazos. O mesmo principio serve para calquera tipo de actividade: é mentres nos resistimos a arrancar cando a cousa semella ardua; unha vez activados, todo resulta máis sinxelo. Por iso é mellor pensar en comezar, partindo da premisa que iso é o único que realmente custa, e despois deixar que a actividade flúa. Así que, sexa o que sexa, pensa que o único que tes que facer é comezar, só comezar!

Aplica o “mantra da efectividade”

Dese xeito, “mantra da efectividade”, é como se adoita denominar unha frase na que quedan resumidos os principios expostos. Queredes tirar máis proveito do voso tempo? Ser máis produtivos? Estar máis satisfeitos co que conseguides resolver cada día? A clave apenas é aplicar o mantra: “Unha cousa cada vez, a máis importante primeiro, comeza agora”. Sen máis.

 

Artigos relacionados:

Deixa unha resposta