Aprendendo a fluír

Comentamos nun artigo anterior o concepto de estado de fluxo, ou fluidez, polo que se entendía o estado de mergullo pleno na actividade que se está realizar, estado que, ademais de permitir maiores cotas de logro, se caracterizaba por xerar benestar e múltiples sensacións gratificantes. Ao mesmo tempo, tamén se citaba que o estado de fluxo, malia que en todos/as emerxeu de modo espontáneo en múltiples ocasións, se pode fomentar, para o que, de entrada, temos que cumprir unha serie de premisas, ou condicións sine qua non, que eran as seguintes: metas claras, retroalimentación inmediata, equilibro entre reto asumido e capacidade que se posúe e, por último, concentración.

Porén, mesmo cumprindo esas condicións, non sempre nos resulta doado que as diversas actividades que abordamos se realicen nun estado de implicación plena. Neste artigo trataranse algúns enfoques que fomentan o estado de fluxo, ou que poden axudar a abordar con fluidez as diferentes actividades do noso día a día.

Cando nos aburrimos, subir o nivel

Con esta suxestión trátase de salientar a importancia de enfocar a variable “equilibrio entre reto e capacidade” de xeito dinámico. É dicir, se actuamos sempre nun mesmo nivel de rendemento, acabará por resultarnos doado de máis. Chegado este intre, precisamos subir o listón. Os videoxogos, por exemplo, adoitan ser para o seus afeccionados unha fonte de fluidez; un dos motivos é que están organizados en niveis crecentes de dificultade, de modo que manteñen alta a excitación e a implicación no xogo do/a usuario/a. Noutras actividades, trátase de seguir unha pauta similar: se o que fas comeza a te aburrir, é hora de ir un paso máis aló. Se xa non che presta xogar ao tenis ou ao xadrez co teu irmán porque lle gañas con demasiada facilidade, precisas rivais con maior nivel de destreza. Se te estancas no estudo dunha determinada materia, precisas facer un curso ou adquirir un manual que leve ese estudo a outro nivel. En resumo, o equilibrio entre reto e capacidade é un equilibrio dinámico, que só se mantén con desprazamentos periódicos.

Atopar novos desafíos na actividade

En ocasións arrostramos actividades que, por rutineiras, resulta complicado facer con implicación. Unha  maneira de conseguilo é procurar nas mesmas novos desafíos a superar. Os/as deportistas de elite, cando teñen que disputar esas roldas preliminares nas que compiten contra adversarios de nivel inferior, aproveitan eses partidos para pulir aspectos concretos do seu xogo, esforzo que incrementa a súa implicación no mesmo. Da mesma maneira, por rutineira ou tediosa que resulte unha tarefa, cabe procurar na mesma novos desafíos a superar. Algunhas maneiras poden ser:

  • Buscando facelas de xeito máis orixinal ou imaxinativo. Se tes que enviar unha rolda de correos electrónicos informativos aos teus clientes, cabe tentar facelo desta vez de maneira máis enxeñosa, engadindo faragullas de humor ou fixándote como obxectivo, ademais de informar, de tirarlles un sorriso.
  • Procurando resolvelas en tempo récord. Tes que facer a declaración do IVE (esa rutina do autónomo) e non ves como facela máis amena: pois, cando menos, fai por desenvolver un método que te implique na mesma ao te fixar como obxectivo reducir á metade, en seis meses, o tempo que che leva despachar o tema. É dicir, trátase de adoptar a filosofía do atleta que simplemente procura “mellorar a súa marca persoal”.
  • Engadir presión. Sexa establecendo un tempo límite, buscando a mellora continua naquilo que se fai, ou definido novos e desafiantes obxectivos, o mantemento do fluxo require, como di Daniel Goleman na súa obra Focus: “Agregar unha migalla de presión”.

Significativizar o valor da tarefa

Abrillantar os móbeis pode ser unha tarefa sumamente aburrida, pero que podemos facer con menor sensación de tedio, ou mesmo con agarimo, se reparamos en canto traballamos para adquirilos, en que son un regalo da nosa familia, ou nos bos recordos que atesouramos asociados aos mesmos. Ou tamén se reparamos en que, despois dun día enteiro sentados ante o ordenador, nos sentará ben facer unha actividade que nos pon en movemento e nos axuda a facer eses 20 minutos de actividade física que adoitan recomendar os/as médicos/as.

Un bo exemplo da importancia de significativar a tarefa que realizamos é a anécdota que conta Boris Cyrulnik referida a un conxunto de canteiros que, na idade media, pulía bloques de pedra nunha canteira británica. A un deles, especialmente activo e mergullado no pulido da súa rocha, preguntáronlle a que se debía tanto interese pola súa labor, ao que el respondeu abraiado: “E como non estar implicado, se estamos construíndo a catedral de Londres!”.

Outro exemplo pode representalo o texto publicado pola auxiliar de enfermería Rebeca Vic, e que se fixera viral nas redes sociais no ano 2015, baixo o título “o orgullo de limpar cus”, no que se nos lembran cousas como:

«Hoy volví a escuchar “trabajar aunque sea limpiando culos” y no es ni la primera ni la octava vez que lo escucho. Y siento la necesidad de reivindicar mi trabajo y de gritar al mundo lo orgullosa que estoy de él. Sí, señores y señoras, orgullosa de limpiar culos, cortar uñas, lavar cabezas, vestir, duchar, alimentar y cuidar a personas, sí, sí, personas, que no pueden hacerlo por sí mismas. Pero vamos a resumirlo en “limpiar culos”»

O texto completo pode lerse aquí, toda unha lección de implicación profesional, dignidade e intelixencia emocional.

En resumo

Para conseguirmos o estado de implicación plena na actividade denominado como “fluír” ou “estar na zona”, cómpre cumprir as súas condicións básicas xa enumeradas. Amais diso, podemos potenciar esta implicación plena coas seguintes estratexias:

  • Se nos aburrimos, subir o nivel. Os incrementos progresivos no noso estándar persoal de rendemento son un factor chave.
  • Atopar novos desafíos na actividade. Facer o de sempre non implica, en resumo, facelo como sempre. Buscar a maneira de facer a cousas mellor ou de xeito máis creativo pode constituír un bo xeito de restaurar o fluxo á actividade.
  • Significativar o valor da tarefa. Acotío esquécese o significado ou o valiosas que resultan as actividades que realizamos, sendo esa a cerna do desinterese que suscitan. Restaurar dita relevancia e tela presente é un bo xeito de recuperar a implicación na mesma.

 

Entradas relacionadas:

Fluír, ou a implicación plena na actividade

Claves GTD. Clave 3: A fluencia ou estado de fluxo

Deixa unha resposta